martes, noviembre 27, 2007

Cousas ricas para os mortos

Este é un vídeo de Lila Downs que hai moi pouco tempo visitou Pontevedra. Esta excelente intérprete de pai estadounidense e nai mexicana, comentou o importante papel que desempeña a comida na tradición cultural dese país e contou como se dá culto aos mortos a principios de novembro preparando deliciosos pratos na súa honra.

ACTIVIDADES

  1. Busca en Internet algunha información sobre este culto en México.
  2. Mira a ver se atopas algo sobre as caveiras de doce ou o pan de mortos.
  3. Pregunta a algunha persoa maior que che conte como eran os funerais cando él ou ela eran novos.
  4. Pide que che conten se celebraban algunha comida especial cando alguén morría, como se organizaba todo, quen cociñaba, quen eran as persoas convidadas.
  5. Tómase algunha sobremesa especial na túa casa durante eses días de primeiros de Novembro?.
  6. Pregunta aos teus pais ou avós se eles tomaban algunha comida ou sobremesa especial para celebrar esas festas cando eran pequenos
  7. No vídeo fálase de guisar un mole. investiga que é un mole.

Comer, beber, amar.


Comer, beber, amar (Eat, drink, man, woman); Taiwan, 1993)
DIRECTOR: Ang Le
XÉNERO: Comedia dramática.
ARGUMENTO: O Sr. Chu, o mellor cociñeiro da cidade,vive coas súas tres fillas: a maior é unha tímida profesora, convertida ao cristianismo; a segunda é unha brillante executiva, aparentemente moi segura de si; e a pequena, unha romántica estudante, traballa nun burger (quizá tres formas de entender a vida).

Cada domingo, as fillas reúnense co seu pai para unha comida ritual tradicional chinesa (preparáronse 100 pratos expresamente para a película), onde nos decatamos das diversas peripecias profesionais, familiares e sentimentais das tres fillas.
É unha película centrada na comida porque onde unha familia non pode comunicarse entre si, é frecuente recorrer ao ritual da comida como elemento de unión.
Plantéxase o tema de educación dos fillos: o eterno conflito xeracional autoridade-liberdade, as tradicións fronte á independencia.
Pódese afirmar que manter os vínculos familiares sexa un valor pero moitos conceptos deben reformularse, por exemplo o papel das mulleres como sustentadoras únicas do mantemento das tradicións da vida familiar.

  1. Explica nunha frase a idea principal do vídeo.
  2. Que che chama a atención na forma de preparar a comida?
  3. Cres que a forma en que se cociñen os alimentos é importante?
  4. Merece a pena empregar moito tempo na cociña?
  5. Cres que o feito de sentar a comer xuntos é beneficioso para a vida familiar?
  6. Gústache a comida prefabricada?
  7. Comes normalmente xunto á túa familia ou comedes separados e por quendas?